Carmen Pardo comparece para falar de Manzaneda


Carmen Pardo (arquivo) falou
tamén sobre o estado de execución
dos Plans de Dinamización e
Competitividade Turística
A secretaria xeral para o Turismo compareceu este martes no Parlamento e respondeu a unha pregunta do Grupo Parlamentario Socialista sobre o presente e futuro da Estación de Montaña de Manzaneda. Carmen Pardo informou de que a Xunta está á busca de inversores que garantan o futuro da sociedade Meisa (participada pola Xunta, Novagalicia Banco e os concellos de Trives e Manzaneda) e que entre as opcións que se barallan está a dunha empresa galega que está tendo gran crecemento e amosando “un saber facer” na dinamización de complexos turísticos e hoteleiros no mundo rural.

Doutra banda, Pardo lembrou que durante este tempo, o seu departamento impulsou diversas actuacións na Estación como o programa “Manzaneda en Familia”, a celebración de varias viaxes de familiarización para prensa ou a delimitación do xeodestino coa denominación Manzaneda-Trevinca. Ademais, lembrou a recente concesión dun préstamo por importe de 500 mil euros a Meisa co obxectivo de garantir a viabilidade da sociedade a curto prazo.

Carmen Pardo aproveitou a ocasión para dar conta, no Parlamento, do estado de execución dos Plans de Dinamización e Competitividade Turística de Galicia, nomeadamente Portas de Galicia; Vigo, Turismo Urbano e de Ría; Área Metropolitana da Coruña e Mariña Lucense.