Medran as pernoctacións extrahoteleiras en Galicia

A cifra de viaxeiros aloxados en establecementos extrahoteleiros de Galicia durante os catro primeiros meses de 2012 medrou un 9,1% a respecto do mesmo periodo de 2011, e as pernoitas tamén experimentaron unha suba, neste caso do 8,3%. Así o recolle a Xunta, segundo datos publicados polo INE.

Así, no primeiro cuadrimestre do ano Galicia rexistrou un total de 783.177 viaxeiros aloxados no conxunto da oferta regrada, un 0,1% máis que en relación ao observado no mesmo periodo de 2011. O turismo rural experimentou un ascenso do 4,3% e os apartamentos turísticos, do 29,3%.

No que respecta a todo o territorio español, as pernoitas en aloxamentos turísticos extrahoteleiros (apartamentos, campings e turismo rural) superaron os 6,3 millóns en abril, o que supón unha caída do 7,7% con respecto ao ano pasado. Esta diminución no cuarto mes do ano prodúcese tanto entre os residentes, cunha taxa interanual do -1,8%, como entre os non residentes, que caen a un ritmo maior, case un 12%. Non obstante, a estancia media conseguiu aumentar un 0,7% en abril con respecto ao mesmo mes de 2011, situándose en 4,8 pernoitas por viaxeiro.