Cita no Museo Etnolóxico de Ribadavia


O Consello Regulador da D.O. Ribeiro celebra este sábado a xornada ‘Son e Viño’ con motivo da clausura da exposición “Lagares Rupestres. Pegadas na historia vitivinícola en Galícia”. O acto terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia a partir das 20.00 horas, coa presenza do cuarteto de música clásica Thiasos, integrado por membros da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Por outra banda, o Consello Regulador vén de cualificar de éxito a recente visita que varios restaurantes con estrela Michelin de Galicia realizaron á rexión do Ribeiro (foto). Nomes destacados da gastronomía e da sumillería en Galicia participaron nun tour enoturístico co que puideron coñecer de primeira man os viños que se elaboran nesta Denominación de Orixe, pero tamén o seu comportamento en convivencia cos produtos e receitas tradicionais da comarca.