Carmen Pita apunta que o futuro do turismo rural pasa por unha oferta que integre diferentes actividades

A xerente de Turgalicia indicou esta fin de semana no congreso Periodipesca que o futuro do turismo rural en Galicia pasa porque “a oferta sexa integral, englobando diferentes actividades como o aloxamento, a restauración, os servizos de información ou as actividades de lecer nun mesmo destino”. Carmen Pita avanzou tamén que a Administración Turística está a traballar nun novo decreto que regularice os establecementos de turismo rural, acorde coa vixente Lei do Turismo de Galicia.

No tocante ao perfil do usuario do turismo rural, Pita recalcou que o cliente adoita ter entre 29 e 40 anos, procede do Estado español, ten nivel sociocultural medio-alto e acada nos meses de verán unha estadía media de 3-4 días. Trátase dun cliente fiel que adoita repetir experiencia e está atraído fundamentalmente pola gastronomía e a tranquilidade.