Novos volumes da colección de cociña infantil de Ouvirmos

“Pastas e Pizzas” e “Menús para festas” son os dous novos volumes da colección de Cociña infantil e familiar de Ouvirmos que xa se poden atopar nas librarías. Con “Pastas e Pizzas” a editorial galega revisita a gastronomía italiana para presentar orixinais receitas que farán as delicias dos máis pequenos: desde a pizza de Bob Esponxa ata unha árbore de pasta ou un sushi feito con macarróns.

O segundo volume, “Menús para festas”, descobre 20 receitas de bebidas e pratos doces e salgados cos que trunfar en todas as festas. Ideas fáciles e creativas que nos permitirán elaborar un pastel de tortillas, un bocata en forma de cempés así como gominolas e nubes caseiras.

Estes dous receitarios únense aos xa publicados anteriormente sobre “Bocadillos e Sándwiches” e “Sobremesas”. En preparación, hai outros seis libros máis que completarán a Colección de cociña infantil e familiar ideada por Ouvirmos e que verán a luz nos próximos meses.