
A Sociedade Internacional da Camelia (SCI) valorou os esforzos da Deputación de Pontevedra –titular do Castelo e o seu xardín- por conservar, manter e difundir este parque botánico no que a camelia ten un peso moi notable.
Soutomaior ten na actualidade 330 cultivares diferentes, 25 especies e 29 híbridos, pero, ademais, a Sociedade Internacional valorou tamén que os xardíns posúen unha colección de camelias históricas do século XIX –entre elas o exemplar de camelia xapónica máis voluminoso de Galicia–, e que estas camelias comparten espazo con preto doutras 200 especies botánicas, entre as que se atopan 12 exemplares incluídos no catálogo de Árbores Monumentais de Galicia. Agárdase que este recoñecemento contribúa a aumentar as visitas a este enclave da provincia de Pontevedra.