Os Panadeiros Artesáns de Pontevedra preparan a I Feira do Pan

A Asociación de Panadeiros Artesáns de Pontevedra organiza a primeira Feira do Pan de Pontevedra, que terá lugar os días 16 e 17 de marzo. A iniciativa xorde “ante a necesidade de realizar un cambio no sector do pan, debido á grande competencia que temos por parte doutras canles de distribución”, sinala o colectivo profesional. O obxectivo final é conseguir “unha diferenciación dos demáis pans que hai no mercado”.

Para dar a coñecer o evento, os panadeiros realizarán unha campaña promocional que incluirá un percorrido polas principais cidades galegas dun carro cargado con pan artesán tirado por unha cuadrilla de labregos e panadeiros. Tal desfile terá lugar entre o 5 e o 8 de marzo e visitarán cidades como Vigo, A Coruña ou Santiago.

O groso do programa da Feira comezará o día 16 ás 11.00 horas, cunha muiñada popular no Muíño de Cabanas (Salcedo-Pontevedra) e a presentación dunha levadura natural. Ademais, durante a Feira haberá conferencias, venda de pan artesán, xogos tradicionais, actuacións musicais e diversas degustacións.