O Fórum pecha esta tarde as súas portas

Os máis rezagados aínda teñen todo o día de hoxe para achegarse ata o Pazo de Congresos de Santiago e perderse entre a numerosa oferta de actividades do Fórum Gastronómico. Durante a mañá terán lugar as intervencións de Xavier Pellicer (Can Fabes), Oriol Rovira (Els Casals), Xosé T. Cannas (Pepe Vieira Camiño da Serpe), Dani García (Calima), Flavio Morganti (Galileo) e Paco Pérez (Miramar), ademais dos sumilleres galegos Luis Paadín e Xoan T. Cannas.

Pola tarde tócalle o turno a Ricardo Sanz (Kabuki), Alberto González e Raquel Alonso (Silabario) e Pepe Solla, que pechará o Fórum, entre outros. Tamén se celebrará o interesante coloquio “O sabor do futuro”, coa intervención de Josep Roca, Quico Sosa, Enric Rovira e Josep de Haro. Asimesmo, tamén se entregarán os Premios Picadillo nas categorías Cociña, Sala, Viños, Formación e Cultura.

No que respecta ás actividades organizadas pola Xunta, destacan presentacións de Fabas de Lourenzá con viños Pazo Baión, Troita de crianza con Delicias de Porco Celta e viños Ribeiros do Avia, Ternera Gallega con Pataca de Galicia e viños Monterrei, Tarta de Santiago con augardentes e alimentos acollidos ao Craega.