Impulso á declaración de Festa de Interese Internacional para a Semana Santa de Viveiro

A Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro renovaron este ano a súa colaboración económica para converter a Semana Santa da cidade mariñana na máis importante de Galicia e impulsar a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional. O presidente, José Ramón Gómez Besteiro, asinou precisamente este mércores co alcalde viveirense, Melchor Roel, un convenio en virtude do cal a entidade provincial outorga por segundo ano consecutivo unha axuda extraordinaria, neste caso de 26.000 euros, mentres que pola súa banda o Concello concede unha subvención directa de 40.000 euros para a organización da festividade relixiosa. Suman en total 66.000 euros, o que supón preto do 42% do orzamento da Xunta de Confrarías, a entidade organizadora dos actos.

O goberno de Melchor Roel, en coordinación coa Xunta de Confrarías, promove as xestións necesarias para que a Semana Santa de Viveiro, que é de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988, reciba agora esta distinción a nivel internacional, “da que é sobradamente merecedora”, segundo recalcou Gómez Besteiro, “polo gran fervor e recollemento co que se vive, pola riqueza e valor da súa imaxinería e polo gran dinamismo e dedicación das confrarías, pero tamén porque supón un revulsivo económico e turístico para toda A Mariña. Proba diso é que durante eses días Viveiro duplica a súa poboación e a ocupación hoteleira acada ó 100%. Falar da Semana Santa de Viveiro é falar dun acontecemento cultural, popular e turístico de referencia non só en Galicia, senón tamén en toda España”.