A Costa da Morte estrea A Parada da Pescadeira

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asistiu á inauguración dunha das últimas iniciativas desenvolvidas polo Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, unha tenda de produtos do mar e unha sala de exposición de temáticas mariñeiras en Muxía, que responde ao nome de “A Parada da Pescadeira”. A directora xeral puxo esta iniciativa como exemplo de diversificación do turismo, revalorización dos produtos da pesca e da acuicultura e de prosperidade económica.

O proxecto consistiu na ampliación da Casa de Trillo, unha antiga explotación agraria a onde viñan as pescadeiras cargadas de peixe e marisco e voltaban con produtos do agro. Neste punto ubicarase unha tenda de produtos do mar e unha sala de exposicións sobre temáticas mariñeiras. O proxecto supuxo un investimento superior aos 195.000 euros, dos que a Consellería do Medio Rural e do Mar aporta o 50%.