Convocadas para o 3 de xuño eleccións en 17 consellos reguladores

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario. A convocatoria contempla a realización de eleccións en 17 dos 22 consellos reguladores existentes en Galicia.

Os consellos nos que se convocan eleccións son os que xestionan as cinco denominacións de calidade vitivinícolas (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras); as catro indicacións xeográficas xestionadas polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Augardente, Augardente de Herbas, Licor de Herbas e Licor Café); as indicacións xeográficas protexidas de Ternera Gallega, Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea, Faba de Lourenzá, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago e Pemento do Couto, así como a denominación de orixe protexida Pemento de Herbón e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Por outra parte, a disposición adicional única da Orde contempla unha prórroga do mandato dos restantes cinco consellos reguladores do ámbito agroalimentario, que son os das denominacións de orixe protexidas Queso Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro e o da indicación xeográfica protexida Lacón Gallego.