A Xunta reitera a súa aposta polo turismo no acto de entrega das Q en Pantón

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aposta da Xunta pola calidade como eixo da política turística reflectida nunha nova lei para o sector, no Plan de Acción do Turismo de Galicia, nos 14 xeodestinos e nas axudas para acadar a certificación Q. Fíxoo, precisamente, no acto de recoñecemento Q de Calidade Turística de Galicia que tivo lugar no Balneario de Augas Santas de Pantón.

Nestes momentos de crise, o presidente recoñeceu que hai razóns para mirar con certo optimismo ao sector turístico, “que está a saber adaptarse –dixo- á actual conxuntura para ofrecer o seu rostro máis competitivo”. Neste sentido, o titular da Xunta afirmou que “a clave chámase calidade”. “Que a alternativa veña da man da fidelización, da oferta dun produto diferenciado, de calidade é a mellor garantía para consolidar a nosa oferta neste sector clave da economía”. Feijóo amosou a satisfacción de que, por segundo ano consecutivo, Galicia sexa a primeira comunidade que máis certificados Q de Calidade Turística ten conseguido, un total de 234.

Pola súa banda a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, incidiu en que por primeira vez desde a Administración autonómica se promoveu unha orde específica en 2011 por valor de 300 mil euros, dirixida a establecementos de turismo rural, hoteis, hoteis-talaso e balneario, balnearios, cafeterías, bares, restaurantes, pazos de congresos e empresas dedicadas ao turismo activo co obxecto de implementar as correspondentes normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de Calidade Turística do ICTE. Parafraseando a Jim Rohn, Pardo rematou animando aos empresarios a seguir colaborando e esforzándose por facer de Galicia un destino de calidade e recalcando que “para ser exitoso non hai que facer cousas extraordinarias, senón facer cousas ordinarias pero extraordinariamente ben”.