A Xunta impulsará un cambio normativo no sector termal

As consellerías de Cultura e Turismo, Sanidade e Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega da Propiedade Balnearia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural asinaron un convenio de colaboración que ten como obxectivo impulsar o estudo e análise da normativa vixente en materia mineiromedicinal e termal e a súa posterior modificación. Asimesmo, a Xunta e diversas entidades privadas impulsarán tamén a modificación da normativa vixente en materia de talasoterapia.

O conselleiro, Roberto Varela, cualificou a sinatura destes acordos como “un paso necesario para o futuro do sector”, co propósito de “avanzar no desenvolvemento dun marco de regulación da actividade que se adecúe á realidade actual, así como ás esixencias e recomendacións da Unión Europea”. Varela indicou que neste eido é clave a colaboración público-privada.