Turismo adxudica o plan de mantemento da Muralla de Lugo

A Consellería de Cultura e Turismo vén de proceder á adxudicación definitiva do Plan de mantemento para a Muralla de Lugo (2011-2014), que garantirá o coidado deste Ben de Interese Cultural durante os próximos catro anos, por un importe total de 896.000 euros. Or traballos, xa que logo, poden comezar.

Nun primeiro momento, realizarase unha supervisión completa do estado de conservación de cada unha das partes máis significativas. Os que resultan máis urxentes dende o punto de vista da conservación son os accesos, o adarve e principalmente os desaugadoiros dos mesmos, que se limparán e repararán nos seguintes días.

Asemade, nestas primeiras xornadas comezarán os traballos de posta en valor do ámbito da Porta de Santiago e se valorará o estado da instalación eléctrica e de luminarias, retirando aquelas en mal estado de conservación, elaborando un documento técnico para a súa posterior intervención.