Segue a loita contra o furtivismo

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia comisaron 1.267 quilos de diversas especies e incautaron 622 útiles de pesca na pasada semana. Estes resultados son froito de distintos operativos rutineiros e outros realizados en colaboración con distintos axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado dende o pasado luns ata o domingo.

En Ferrol desenvolvéronse na pasada semana dúas inspeccións, nas que se requisaron 41 quilos de ameixa, que foi resementada. Na Coruña, os axentes comisaron un total de 655 quilos de peixe e marisco e 448 aparellos, na súa maioría nasas de nécora en tres inspeccións, no contorno do peirao de Oza, na Ría do Burgo. Por outra parte, na Costa da Morte, os Gardacostas realizaron 4 operativos que deron como resultado a aprehensión de 35 quilos de peixe e marisco e de 104 artes, na súa maioría cacharros e nasas de polbo.

A Ría de Arousa foi escenario de diversas actuacións que se saldaron cun total de 531 quilos de varias especies comisadas entre as que destacan faneca, ameixa e nécora e 13 nasas para camarón e nécora sen identificar. Entre estas operacións destaca, na zona do Grove, o comiso de 227 quilos de ameixa babosa, que foi resementada na zona. Por outra banda, na ría de Vigo os axentes fixéronse con 41 útiles empregados de forma ilegal, dos que 37 eran nasas de nécora, así como comisaron 5 quilos de centola. (Foto de arquivo)