Premio Elías Valiña para a asociación Vlaams Genootschap de Bélxica

Un comité de expertos internacional (foto) concedeu o XVI Premio Elías Valiña á asociación flamenca Vlaams Genootschap van Santiago de Compostela. O xurado recoñece con esta decisión o traballo desta asociación belga pola dinamización das vías xacobeas históricas e realización de estudios xacobeos de carácter científico. O premio, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, conta cunha dotación económica de 10.000 euros.

Na súa resolución, o comité de expertos premiou á institución procedente de Bélxica polo seu labor de recuperación de vías históricas, algunhas dela mencionadas no Códice Calixtino, no territorio de Flandes, como a Via Monastica, Via Brabantica, Via Brugensis, Via Scaldea e a Via Limburgica. Asemade a Vlaams Genootschap foi merecedora do galardón debido as súas accións de promoción das rutas e polas labores de investigación histórica. Esta asociación flamenca realizou publicacións de carácter científico de gran prestixio en relación ao Camiño de Santiago, colabora na xestión de albergues e traballa na reinserción social de presos nas rutas de peregrinación.

O comité de expertos decidiu asemade distinguir cunha mención especial ao sacerdote cántabro Ernesto Bustio Crespo, pola súa hospitalidade tradicional de raíz cristiá. A Asociación de Amigos de Santiago do Bierzo, a Asociación de Amigos de Santiago de Gipuzkoa e a Asociación de Amigos de Santiago de Ávila foron destacadas como candidaturas meritorias polo traballo realizado en prol do seu esforzo revitalizador e promocional dos Camiños en Santiago.