Os hostaleiros de Santiago reafirman o seu apoio ao galego con “Xantar Compostela”

Os hostaleiros de Santiago e comarca levan adiante unha nova edición de “Xantar Compostela”, unha campaña de dinamización lingüística que contribúe á introdución do galego no ámbito socioeconómico da man do turismo e a gastronomía. Colabora na iniciativa a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Con tal motivo, difundiranse 150.000 manteis con xogos de palabras en galego entre establecementos da comarca, que lles permitirán aos clientes achegarse á lingua galega no tempo de xantar. Existen catro modelos diferentes de manteis, dous deles orientados cara o público infantil e os outros dous, para os adultos.

Aser Álvarez, responsable de Comunicación da asociación Santiago Hostelería, reivindicou ao sector hostaleiro como un colectivo que se distingue "por promocionar" e "divulgar" a lingua propia, como parte da "hospitalidade milenaria" da sociedad galega. Deste modo, o obxectivo será unir "o patrimonio gastronómico" co idioma, elemento "diferencial" do pobo galego, para que sirva de "ponte" cara a cultura e a "forma de ver" de Galicia. (Foto: Santiago Hostelería).