O Consello da Xunta aproba o mapa de xeodestinos turísticos de Galicia

O Consello da Xunta deu luz verde ao mapa de xeodestinos turísticos de Galicia, que recolle as singularidades dos territorios recoñecendo as áreas cunha impronta turística consolidada e abrindo espazos para o futuro turístico das menos desenvolvidas. O resultado é froito dun ano e medio de traballo da Xunta, no que colaboraron Turespaña, Turgalicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, a Fegamp e a Dirección Xeral de Administración Local.

A intención é que cada xeodestino “saliente as súas vantaxes e traballe no que realmente poden ser competitivos, ofrecendo produtos singulares a partir dos seus recursos”. Isto, ao ver da Xunta, axudará a evitar duplicidades entre as ofertas das diferentes institucións, o que ata o de agora se ten traducido nunha oferta turística “desequilibrada e contraditoria para o destino Galicia”.

Visitantes. O obxectivo de todas estas políticas é contribuír á chegada de visitantes a Galicia. A este respecto, nos dez primeiros meses do ano chegaron á nosa comunidade 8,2 millóns de turistas, un 5,4% máis que no pasado ano, que foi Xacobeo. Esta cifra, segundo aclara a Xunta, provén da suma dos 3.396.328 viaxeiros aloxados en establecementos galegos de turismo reglado máis os 4.832.126 excursionistas estranxeiros.