Nace o Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, presidiu hoxe en Lugo o acto no que se presentou o Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia, unha asociación que agrupa a dezaoito empresas e entidades deste eido. Juárez puxo de relevo o alcance desta iniciativa, na que conflúen diversas sinerxías, e evidenciou o peso da cooperación, como factor de competitividade e progreso para sector da alimentación ecolóxica galega.

O Clúster da Alimentación Ecolóxica constituíuse formando unha cadea de valor chamada a converterse no eixo dunha actividade rendible, con capacidade de crecemento e de xeración de riqueza. Deste xeito, pretende contribuír ao desenvolvemento, crecemento e mellora continua deste sector desde todas as vertentes posibles, no ámbito de actuación da asociación e nun marco xeral de colaboración co avance da actividade económica galega.

Por outra banda, a Consellería de Economía e Industria organiza, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e no marco do proxecto europeo ATClusters que lidera o Instituto, un encontro de clusters agroalimentarios europeos en Irlanda. Como xefe de fila do proxecto europeo, o Igape acompañará aos representantes do Cluster Agroalimentario Galego (Clusaga) neste encontro internacional do sector agroalimentario que se desenvolve os próximos 1 e 2 de decembro en Cork (Irlanda).