A Peregrina, ben de interese cultural

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe o decreto polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do Santuario da Nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina, no termo municipal de Pontevedra, tal e como foi aprobado no Consello da Xunta do pasado 13 de outubro.

A declaración BIC para o santuario da Peregrina ten en conta que se trata dun tempo ligado ao Camiño de Santiago e que supón un dos poucos exemplos de igrexas con planta central. No contorno de protección da capela da Peregrina intégranse as rúas de acceso ao templo, as prazas e os edificios cuxa modificación poida incidir directamente na apreciación do ben, na relación deste co seu contorno ou deteriorar a vista do monumento ou dende el.