O Convento de Herbón, BIC

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Cultura e Turismo pola que se incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, no concello coruñés de Padrón. Coa incoación deste expediente procedese á apertura dun período de información pública, a fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente.

O convento está situado na denominada Agra de Longara, nunha paraxe de gran beleza natural ao carón do río Ulla, bordeado por un amplo conxunto de ladeiras empinadas cara o leste e oeste. Os freires que o habitan compaxinaron dende sempre a vida monacal co traballo a prol dos peregrinos que acudían a Padrón e visitaban o Hospital de Peregrinos da vila.

Ademais de pola súa arquitectura, o complexo destaca pola súa horta, na que conviven espazos destinados á produción hortofrutícola con outros elementos ornamentais como a célebre palmeira de Palestina que, segundo a tradición, foi traída dende Xerusalén no século XV.