O Camiño de Santiago visto dende Oriente, en Kiel

A cidade alemá de Kiel acollerá desde mañá venres 28 de outubro, a mostra fotográfica Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente do artista xaponés Tomohiro Muda. Tras o seu paso por Hamburgo, a exposición viaxa a Kiel, patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa colaboración do consulado español en Hamburgo, a Sociedade Germano-Iberoamericana e o Instituto de Lingua e Cultura Españolas, onde permanecerá aberta ao público ata o 26 de novembro.

Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente é o resultado da particular mirada do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda sobre a ruta xacobea tras dúas peregrinacións que deixaron nel unha fonda pegada. Declarado entusiasta do románico e das peregrinacións, o seu traballo xa foi exposto en París no ano 2008 e posteriormente en Wakayama (Xapón), Tokyo, México D.F. e Santiago de Compostela. O ano pasado, durante a celebración do Xacobeo 2010, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo levou esta mostra fotográfica por varios concellos do Camiño Francés. Deste xeito, comezou a súa itinerancia en Palas de Rei, para logo viaxar a Ames, Dumbría e Muxía, rematando o seu percorrido no faro de Fisterra.