Máis cooperación internacional no CSHG

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) seguirá afondando na cooperación internacional grazas a un acordo ao que chegou coa Fundación Galicia Innova, a través de Turgalicia. O obxectivo é realizar proxectos conxuntos no sector do turismo, que resulten de interese común en aspectos vinculados cos obxectivos sociais ou estatutarios de ambas as organizacións.

Como membro da Organización Mundial para o Turismo, o Centro Superior de Hostalería de Galicia leva anos desenvolvendo un proxecto de cooperación internacional e colaborando con entidades como a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores. O seu departamento de Consultoría e Formación traballa con empresas internacionais e desenvolve proxectos en diferentes países, moitos deles de cooperación internacional. En Sri Lanka, Exipto, Romanía e Arxentina está asesorando ou asesorou para crear escolas de formación hostaleira. Tamén traballou formando a profesionais de todo o mundo (Rusia, Arxentina, Porto Rico, Brasil, Vietnam, Bangladesh, Filipinas, Sri Lanka, Camboia, Indonesia, Malasia, Timor Leste, Tailandia, Namibia e Exipto).