Esposende convídanos a gozar dos Sabores do Campo

Durante estes días festivos, moitos galegos aproveitarán para achegarse ao veciño Portugal. Unha das opcións pode ser o municipio de Esposende, que durante o mes de novembro celebra o programa “Sabores do Campo”, no que participan vinte restaurantes. Durante estes días, os clientes destes establecementos poderán degustar os pratos máis típicos do outono, acompañados de sobremesas tradicionais.

A intención é que os turistas teñan un motivo máis para achegarse ao municipio fóra da temporada estival. Paralelamente, celebrarase un concurso gastronómico e diversos actos culturais e festivos, como un Magosto, o vindeiro día 20.