Terras de Pontevedra achega os seus encantos ao norte de Portugal

A mancomunidade Terras de Pontevedra aposta polo turismo de proximidade. Así se entende a presentación do destino que realizou, por medio do seu presidente, Miguel Anxo Fernández Lores, e da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, en Vila Nova de Gaia (Portugal). O obxectivo non é outro que dar a coñecer os produtos nos que vén traballando a mancomunidade para pór en valor o territorio e reivindicarse como destino turístico diverso e de calidade.

A presentación celebrouse no espazo cultural Corpus Christi e rematou cun cóctel ao que asistiron diversas autoridades e convidados relacionados co sector turístico. O alcalde pontevedrés falou dos grandes lazos que unen a galegos e portugueses e que se deben reflectir no turismo. Pola súa banda, a secretaria xeral, en perfecto portugués, fixo un percorrido polos obxectivos do Plan que está a rematar e que cualificou como “un referente da innovación e da competitividade turística de Galicia”. Tamén resaltou a grandísima importancia do mercado portugués para o turismo galego.

O presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia, Luis Filipe Menezes, incidiu en que “vese como a cidade de Pontevedra superou a barreira psicolóxica de competir con Santiago ou Vigo e tomou o seu propio camiño, revalorizándose e tomando a dianteira en moitos aspectos”, entre outros o turismo.