O Xacobeo participa nun encontro sobre as peregrinacións en Washington

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo participará este sábado en Washington na reunión científica “Workshop on Pilgrimate Studies”, encontro no que se abordará o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago en particular. A organización deste evento corre a cargo da propia S.A., en colaboración coa Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, a embaixada española en Washington, o American Film Institute e o William and Mary College de Virxinia. A directora xerente da S.A. do Plan Xacobeo, Camino Triguero, participará nesta xornada, na que manterá contactos cos responsables da Biblioteca do Congreso para establecer vías de colaboración entre ambas entidades.

No marco do “Workshop on Pilgrimate Studies” presentarase e proxectarase aos asistentes e á prensa de Washington a película The Way, rodada no Camiño de Santiago coa colaboración da Xunta. Á presentación acudirán o director Emilio Estévez e o protagonista, o seu pai, Martin Sheen, ambos os dous de orixe galega.