O Xacobeo celebra o seu vinte aniversario cunha exposición

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo celebrará o seu vinte aniversario coa apertura ao público dunha exposición que lembrará os fitos máis destacados destas dúas décadas de historia. A mostra inaugurarase o vindeiro 7 de outubro e poderá visitarse no mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela.

Haberá unha parte da mostra dedicada á investigación e promoción do fenómeno xacobeo e outra na que se amosarán parte dos proxectos culturais promovidos pola entidade, na que destacan exposicións, concertos ou congresos celebrados desde 1991. Outro apartado do proxecto expositivo estará dedicado ás iniciativas levadas a cabo no eido do audiovisual e das novas tecnoloxías, con exemplo dos diferentes traballos aos que se prestou apoio. A mostra contará, ademais, cunha especial mención ao traballo desenvolvido nos camiños a Santiago, como poden ser as obras de recuperación das rutas ou a construción da rede de albergues.