O fondo mariño lucense amosa os seus tesouros

A Consellería de Cultura e Turismo presentou, no Club Náutico de Ribadeo, os traballos de arqueoloxía subacuática que se van levar a cabo nas rías de Viveiro e Ribadeo durante as vindeiras semanas. Os fondos mariños da costa cantábrica posúen un importante valor patrimonial, pero non existen demasiadas fontes que constaten restos somerxidos de interese, polo que as actuacións promovidas pola Consellería teñen como finalidade a realización dunha carta arqueolóxica subacuática desta zona da costa galega.

Traballarase durante catro días en Viveiro e a continuación, o luns 3 de outubro, comezarán as prospeccións dos buzos na ría de Ribadeo nos puntos que segundo as fontes documentais existen restos de carácter patrimonial. Está previsto realizar unha inspección visual da Fragata Magdalena (1809), Bergantín Palomo (1809), Galga Andaluza (1719) e San Francisco (1719); destes catros pecios, só do primeiro se posúe a localización exacta, dos outros tres hai referencias documentais aproximadas.

Durante os anos 70 do século XX diferentes expedicións encabezadas por mergulladores da Armada rescataron un número indeterminado de restos do lugar do naufraxio depositando moitos deles no Museo Naval de Ferrol.