Galicia supera os 6,3 millóns de visitantes ata agosto

O número de visitantes que chegaron a Galicia nos oito primeiros meses do ano foi de 6.340.005, o que representa un 6,9% de incremento respecto ao 2010 e un 13,5% máis que en 2009. Segundo os resultados da Enquisa do INE correspondentes aos oito primeiros meses de 2011 que recolle a Xunta, en establecementos hoteleiros de Galicia aloxáronse 2.324.132 viaxeiros. Do mesmo xeito, segundo revela a enquisa realizada por Frontur, neste mesmo período visitaron a nosa Comunidade 3.814.114 excursionistas.

Ademais, a enquisa de Frontur reflicte un incremento de 710.399 excursionistas estranxeiros no acumulado do ano, o que supón un 22,9% de incremento con respecto ao ano 2010. A Xunta insiste en que o mercado internacional alcanza en agosto deste ano o nivel máis elevado de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros neste período concreto con 113.338 persoas, superando neste ano o nivel do último Xacobeo, cando foran 111.030 turistas.