Feira medieval en Santiago

A Feira Medieval de Santiago celebrarase entre o venres 30 de setembro e o domingo 2 de outubro en prazas e rúas da Cidade Histórica: Praza da Quintana, Praza da Inmaculada, Rúa da Acibechería, Praza de Cervantes, Rúa das Ánimas e Praza de Salvador Parga. Os principais atractivos do evento serán os espectáculos de rúa, incluidos espectáculos nocturnos onde o lume será o protagonista. Tamén haberá múltiples Obradoiros de Oficios e diferentes exposicións temáticas.

Os máis pequenos terán unha zona infantil, onde se desenvolverán multitude de actividades, como obradoiros de pintura, de reciclaxe, malabares, marionetas, xogos de inxenio… Tamén terán ogros, trasgos, bufóns, cómicos, conta contos e mesmo un dragón que será capturado nun dos espectáculos de rúa. Ademáis, haberá arredor de cen postos de artesanía do máis diverso.

Dende o Concello de Santiago estáse traballando nunha reformulación completa da Feira Medieval que se viña celebrando ata o momento nos meses de xullo ou xuño. O obxectivo é que Santiago conte cunha Feira Medieval con personalidade propia, que recolla os valores medievais da cidade, e que non sexa só unha recreación máis dun modelo estándar que se repite en multitude de cidades, convertíndose así nun auténtico elemento dinamizador do turismo e o comercio da cidade.



A Feira Medieval foi presentada pola concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, acompañada do xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco, e do representante da empresa organizadora Juan José García, arriba na foto.