Día Mundial do Turismo no Gaiás

Galicia quixo sumarse aos actos do Día Mundial do Turismo e fíxoo abrindo as portas da Cidade da Cultura, complexo no que a Xunta ten postas moitas esperanzas no que respecta á atracción de visitantes. O conselleiro de Cultura e Turismo e a secretaria xeral percorreron as instalacións do Monte Gaiás, “a nova plataforma que ten Galicia para as súas relacións interculturais”, sinalou Roberto Varela.

Precisamente, o conselleiro puxo á Cidade da Cultura e ao Camiño de Santiago como exemplos “do papel de Galicia como destino turístico que promove o entendemento entre culturas”, facendo referencia ao lema da celebración deste ano.

Pero tamén as empresas privadas se suman aos actos de conmemoración do Día Mundial do Turismo. Así, Fitur e Iberia organizaron un concurso co que regalarán ao gañador un voo de ida e volta, para el e un acompañante, ao destino que elixa dos operados pola aeroliña española. Aqueles que queiran participar, só deben entrar nas páxinas destas dúas empresas na rede social Facebook e completar un cuestionario.