César Antonio Molina abre as xornadas “Mil e un Cunqueiros”

Coa conferencia “As miñas lecturas de Cunqueiro”, o escritor e exministro de Cultura, César Antonio Molina, abrirá este mércores o congreso internacional “Mil e un Cunqueiros”, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas tres universidades galegas. A sesión celebrarase ás 10 horas no salón de actos do CCG inmediatamente despois da inauguración oficial, que estará presidida polo titular da institución, Ramón Villares, xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, entre outros.

O congreso, acto culminante do “Ano Cunqueiro” organizado polo CCG, prolongarase ata o sábado 1 de outubro con sesións en Compostela, A Coruña e Vigo para un total de nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións.