REVISTA HOSTELERIA GALEGA&TURISMO: Volvemos en Outubro

Asistimos a un lamentable goteo de cabeceiras de prensa que desaparecen, comidas pola crise, o grande mal -pero non o único- destes tempos. Pecharon súas edición en papel xornais que naceran vocacionalmente comprometidos -Galicia Hoxe co idioma e a cultura galega; Xornal de Galicia cun país moderno e plural, por poñer exemplos ben recentes- como inmediatamente antes a fouce  mermadora de ingresos e a desviación -que non a falta- por parte do poder político das consabidas subvencións ou apoios publicitarios institucionais levaron por diante semanarios e publicacións mensuais. Can coma moscas.

Pasa en medios xeneralistas -a prensa diaria, aguanta como pode, e faise aguantar con transfusións directas ou indirectas- e pasa sobre todo en publicacións de ameto especializado ou sectorial. O eido turístico español leva rexistrado baixas notables -permítannos aquí a lembranza para Industria Hostelera, tan semellante a nós nos seus vencellos  iniciais coa patronal do sector- e se tal cousa non se reproduciu en Galicia, e porque a única revista sectorial non tutelada, isto é, a que ten nas súas mans, ten a honra de contar cunha fidelización dos seus anunciantes, a salvo de mezquindades esóxenas, insolaridade endóxenas, sectarismo e/ou incompetencia de determinados estamentos da Xunta.

Porque compre lembrar, sin máis intención que a de poñer tódalas cartas sobre a mesa, que mentres medios de interese xeral como os citados morreron sen osíxeno institucional, o goberno galego segue a subvencionar, directa ou indirectamente, publicacións de parte, revistiñas de asociacións e similares que serven para alimentar o ego da dirección asociativa afín, propiciar que o político subvencionador apareza en tales publicacións como o mellor do mundo, cando tales orzamentos non serven para tapar buracos económicos alleos ao fin. Sería moi saudable que as inspeccións e as fiscalías, meteran o ollo, por exemplo, no número de exemplares que se din editar e nos que realmente se imprimen, ou no número de destinatarios que se prometen e o real que a reciben.

HG&T acaba de pechar no número precedente, o ano décimosexto de edición ininterrompida. Iniciamos, pois, co presente, o ano 17 dunha publicación modesta pero única na súa concepción en Galicia e máis alá do Padornelo.

 Ninguén discute o papel coexionador e interrelacionador da intersectorial que conforman a industria turístico-hostaleira e súas concomitantes: proveedores de produtos e servizos, suministradores de equipamentos, usuarios e traballadores de todo ese conglomerado multisectorial, que acada o noventa por cento da sociedade toda. Enviamos mensualmente HOSTELERIA GALEGA&TURISMO a perto de 12.000 suscriptores eminentemente empresarios e profesionais. Non recibimos nin un euro desa equitativa política da que se gaba o presidente Feijoo, tampouco da pedrea que reparte a Secretaría Xeral de Medios; canto a publicidade directa, vostedes mesmos poden fiscalizala.

A crise non é so económica, con ser aplastante. A crise tamén é de altura política, de equidade, de valores humanos individual e colectivamente. Os valores que atesouran tantos e tantos protagonistas da economía de mercado, eses milleiros de lectores e ducias de anunciantes que seguen escollendo o noso medio para chegar a onde queren -e teñen a certeza de que ese autobús chamado HG&T chega onde di que chega- permitíronnos resistir ata agora. Contra vento e marea, ata con algún intento de boicotearnos a mecánica. Descansaremos o mes que temos por diante, como sempre, e volveremos en outubro, como sempre.