Juárez, pementeiro

Samuel Juárez pasouse esta fin de semana polas festas do pemento de Arnoia e Herbón (Padrón), demostrando que apoia os produtos do agro galego. Na vila ourensá, o titular de Medio Rural inaugurou unha festa que vai pola súa trixésimo segunda edición, unha edición moi especial pois en 2010 este produto acadou o distintivo da Indicación Xeográfica Protexida. Os pementos degustáronse a centos acompañados, como é lóxico, de viño do Ribeiro.

En Padrón (foto), o conselleiro foi nomeado Cabaleiro da Orde do Pemento de Herbón. Juárez agradeceu a distinción e salientou o esforzo de produtores e comercializadores para preservar a calidade do pemento e reforzar o seu prestixio como un dos produtos máis coñecidos e aprezados do agro galego. Nese sentido, salientou a importancia da Denominación de Orixe para preservar a identidade destes pementos.