Valença e Tui, modelo de cooperación transfronteiriza

Dentro da liña de traballo que está a seguir a Comunidade Galicia - Norte de Portugal, celebrouse unha xuntanza en Valença do Minho á que asistiu, ademais dos alcaldes desta vila e de Tui, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo. O obxectivo do encontro foi analizar a posibilidade de avanzar e profundar na cooperación transfronteiriza entre ámbalas dúas cidades, que xa tiñan colaborado con anterioridade en áreas como as policías locais -coa única comisaria transfronteiriza desta parte- e a xestión das emerxencias.

Na reunión estudáronse as fórmulas para promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre as dúas cidades, de xeito que o “efecto fronteira” deixe de ser un inconveniente para se converter nunha oportunidade de desenvolvemento territorial e socioeconómico, promovendo a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador da convivencia entre ambas poboacións.

O presidente da Cámara Municipal valençiana, Jorge Salgueiro, sinalou que Valença e Tui son “o principal símbolo da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal”. Por iso, o seu desexo de que se formalice canto antes o protocolo de creación da Eurocidade. Podería materializarse en outubro.