Reordenación de usos no Parque Nacional das Illas Atlánticas

A Consellería do Medio Rural acaba de dar inicio ao proceso de participación pública sobre o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, cuxo obxectivo final é “procurar compatibilizar a conservación da súa biodiversidade co desenvolvemento das actividades socioeconómicas tradicionais”, sinala a Xunta. Samuel Juárez incidiu en que o documento inicial fíxose tendo en conta as demandas e intereses das poboacións residentes na área do Parque Nacional, así como as achegas doutras administracións e entidades, polo que “recolle en detalle as propostas de conservación dos espazos marítimo-terrestre das Illas Atlánticas”.

No documento establécense unhas directrices e criterios xerais de xestión, fixando unhas normas de regulación de usos e actividades, incluíndo o uso público, de acordo cunha zonificación (áreas de “Reserva”, de uso “Restrinxido”, “Moderado”, “Especial” e de “Asentamentos Tradicionais”).

No caso particular da pesca e o marisqueo profesionais contémplase a maiores a elaboración dun Plan Sectorial de Xestión Integral de Recursos do Parque, a desenvolver no prazo máximo dun ano desde a aprobación do PRUX.

En canto ao turismo, e partindo do principio de sostenibilidade que inspira todo o Plan, no PRUX búscase desestacionalizar a afluencia de turistas, promovendo que se manteña durante todo o ano dun xeito máis ou menos estable, aliviándose así a presión que soporta o Parque no verán. Coa experiencia adquirida, sinalou o conselleiro do Medio Rural, o plan prevé uns cupos de capacidade de carga diaria.