Portugal convídanos a gozar da súa gastronomía

Turismo do Porto e Norte propón ata tres citas diferentes para estes días, todas de carácter gastronómico. Tres excelentes motivos para que os galegos nos acheguemos ao veciño Portugal. A primeira das propostas é o programa “Sabores da História”, que se desenvolve este venres en Póvoa de Varzim. A programación festiva inclúe unha rota marítima polo Camiño de Santiago e un serán medieval.

Tamén este venres, o municipio de Baião acolle a sexta edición do Festival do Anho Assado e do Arroz de Forno, que comezará en torno ás 18.30 horas.

E ata o 2 de agosto celébrase, en Esposende, a VII Xornada Gastronómica de Apúlia, xunto á praia do mesmo nome. Conta coa participación de varios establecementos hosteleiros, de doces e de bebidas, nos que os asistentes poderán degustar unha gran variedade de propostas de carne, peixe e marisco. O programa complétase con diversos concertos.