O tirón xacobeo aguanta o tipo

Os albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo rexistraron, durante o primeiro semestre do ano, un total de 134.444 pernoctacións, unha cifra un 31,9% superior á contabilizada no 2005, tamén exercicio posterior a un Ano Santo. Por rutas, o maior número de camiñantes concentrouse no Camiño Francés, onde os albergues rexistraron 84.942 pernoctacións; seguido do Portugués, con 16.775 peregrinos nos seis primeiros meses do ano; da Vía da Prata, na que se contabilizaron 11.411 camiñantes; e da ruta Fisterra-Muxía, con 9.753 pernoctacións.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou que o obxectivo que se marcou a Consellería de Cultura e Turismo para este ano foi “aproveitar o tirón do Ano Santo para conseguir que non deixen de chegar visitantes e peregrinos”. “Este obxectivo estase a conseguir, grazas ao esforzo promocional que levamos a cabo coa posta en marcha da primeira marca turística de Galicia e grazas ao poder de atracción que ten o Camiño de Santiago, unha prioridade absoluta para nós”, engadiu.

Só no mes de xuño, os albergues que compoñen a rede da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo contabilizaron 45.639 pernoctacións.