O efecto Xacobeo mantense vivo neste ano

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, salientou no programa Bos días, da Televisión de Galicia, as elevadas cifras de peregrinos deste 2011, que seguen a amosar os beneficios do ‘efecto xacobeo’ e asegurou que “as rutas xacobeas continúan a medrar como referente internacional e constitúen a mellor porta de entrada á nosa terra para milleiros de visitantes”. A este respecto, o conselleiro asegurou que “neste primeiro semestre do 2011entregáronse preto de 90.000 Compostelas, e a ocupación nos albergues públicos foi de case 134.000 peregrinos”.

Roberto Varela asegurou que o efecto que está a ter a influencia do ano pasado están sendo “incrible”, xa que, cos datos na man, en 2011 poderase igualar o número de peregrinos que chegaron a Galicia en pleno Ano Santo e “mesmo superar xa as cifras acadadas en Xacobeos anteriores”.

“O fenómeno xacobeo segue plenamente en vigor”, recalcou o conselleiro, que fixo especial fincapé no “aumento brutal” do número de peregrinos estranxeiros que fixeron o Camiño no que vai de ano. Roberto Varela atribuíu este incremento, de case un 30%, á promoción realizada en América e no resto de Europa. O conselleiro de Cultura e Turismo explicou, ademais, que esta promoción se está centrando en traballar conxuntamente con asociacións de amigos do Camiño de todo o mundo, que “xeran opinión e realizan unha publicidade indirecta das rutas xacobeas moi importante”. Gabou o traballo que fan estes colectivos e sinalou “o sorprendente coñecemento que teñen do Camiño de Santiago”.