Festival de bandas tributo en Pontevedra

A programación de festas de verán do Concello de Pontevedra dá un paso adiante máis esta fin de semana ao ofrecer o Festival de bandas tributo, unha nova oferta que se suma á ducia de actividades que a Concellaría de Festas, que dirixe Carme da Silva, organiza durante os meses de xullo, agosto e setembro.
É o primeiro Festival de bandas tributo que se celebra en Galicia, e un dos pioneiros en España. A cita será hoxe sábado 30 de xullo, ás 22:30 horas no Recinto Feiral da cidade, mais as portas permanecerán abertas desde as 21:00 horas.
Este festival, que terá unha duración de catro horas, nace do propósito de achegar á poboación a música e espírito dalgunhas das bandas do mundo que rinden tributo aos grandes mitos da historia do pop/rock: Queen, Rolling Stones, Dire Straits, Bon Jovi, Nirvana, The Police, Bruce Springsteen, Michael Jackson, The Beatles, etc. Daranos a oportunidade de gozar en vivo e en directo de auténticas réplicas dos grandes da música de tódolos tempos, da man das promotoras Produocio e Eventos del Tercer Milenio.
Abrirá o “Festival de Bandas Tributo” a veterana banda pontevedresa Black Stones, experta en versionar aos grandes clásicos dos anos 60 e 70, coma os Beatles ou Eagles. Constituída en 1968, é eminentemente vocal, ó estilo dos grandes grupos británicos e anglosaxóns desa época. Ademais de recuperar a esencia destes, presentarán o seu novo traballo discográfico, “Black Stones Forever”, o cal contén trece temas de diversos estilos cantados a catro voces, como era habitual nas interpretacións das formacións grupais destas décadas.