Concellos portugueses asinan un protocolo para impulsar o Camiño da Costa a Santiago

Coincidindo co Día de Galicia, unha decena de concellos portugueses da zona norte asinaron un protocolo de colaboración para potenciar o Camiño da Costa cara Santiago. Con este acordo preténdese establecer unha serie de accións de promoción e divulgación do Camiño a través da uniformización da sinaléctica, a realización de exposicións itinerantes, a organización de congresos e a creación dunha marca propia e un logotipo común en todo o territorio.

O Camiño Portugués da Costa segue o percorrido da vía romana Per Loca Marítima e ten, entre os seus fitos históricos máis salientables, o feito de ser empregado polo rei Don Manuel I como ruta de peregrinación.

Asinaron este protocolo de colaboración os municipios de Porto, Maia, Matosinhos, Esposende, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho.