Relacións públicas nas visitas turísticas a explotacións gandeiras

O produto turístico “Camiños dos sabores de Galicia”, enmarcado no proxecto Cantata 2, que desenvolve a Consellería do Medio Rural, ofrece estas últimas semanas de xuño unha serie de obradoiros relacionados con técnicas de relacións públicas nas visitas turísticas a explotacións e industrias agroalimentarias. Concretamente, os cursos estanse a desenvolver en Riós, Folgoso do Caurel, Vilalba e Lalín.

A finalidade principal deste produto turístico é conseguir un achegamento dos visitantes ao medio rural, aos procesos produtivos e á gastronomía, gozando da paisaxe e cultura da nosa comunidade.

Os obradoiros, impartidos por unha empresa especializada en turismo agroalimentario, perseguen difundir como se organizan e xestionan -dende o punto de vista turístico- as visitas a pequenas explotacións agroalimentarias, e contribuír a que estas empresas se adapten a recibir visitantes, asentando criterios de calidade no produto turístico.