O Pazo de Fefiñáns apunta a Ben de Interese Cultural

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, fai publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se incoa o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, en favor do Pazo de Fefiñáns, no termo municipal de Cambados (provincia de Pontevedra).


O Pazo de Fefiñáns atópase no centro da vila de Cambados, ergueito sobre unha construción anterior. A estrutura do Pazo de Fefiñáns corresponde aos primeiros anos do século XVII. Trátase dun pazo semiurbano, situado na antiga praza do Mercado, hoxe de Fefiñáns. A planta, en forma de L, consta de baixo e piso, a primeira dedicada a adega e explotación comercial de viño albariño e a segunda a vivenda dos propietarios actuais do pazo.