Medio Rural convoca as axudas para o sector do lúpulo

O Diario Oficial de Galicia publica unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as axudas destinadas ao sector do lúpulo e se convocan para o ano 2011. O obxectivo destas subvencións é apoiar o establecemento de novas plantacións de lúpulo, a reconversión e mellora das plantacións xa existentes e a adquisición de maquinaria específica para a mecanización do cultivo.

Esta convocatoria parte do feito de que o cultivo de lúpulo en España está sufrindo un forte retroceso nos últimos anos e que, en xeral, as plantacións existentes son moi antigas e as variedades cultivadas non se adaptan ás necesidades actuais do mercado. No caso concreto de Galicia, constátase que esta produción, que no pasado tivo importancia en determinadas áreas da provincia da Coruña, está comezando a rexurdir co apoio da industria cervexeira galega e dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta norma no DOG.