Lugo pon en marcha a tarxeta turística Lugocard

Os concelleiros de Turismo e de Deportes de Lugo, Antón Bao e José Manuel Díaz Grandío, respectivamente, presentaron a tarxeta turística de Lugo, LugoCard, que entrará en circulación a partir do 1 de xullo. O Concello creou esta tarxeta, que terá validez por 1, 2 ou 3 días, grazas a unha subvención concedida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e coa colaboración da Asociación de Hostalería e Lugocentrum.

LugoCard consiste nunha tarxeta de pvc de 75 micras. Non leva chip, polo que se trata dunha tarxeta identificativa, persoal e intransferible, que se personaliza ao cubrir con tinta indeleble os datos do titular e a data e a hora da validación. Elaboráronse tres modelos diferentes segundo a duración da súa validez: 1, 2 e 3 días. O deseño das tarxetas aposta por crear un produto sedutor ao mostrar imaxes da cidade que recollen os principais atractivos turísticos de Lugo. Nestes modelos escolléronse imaxes da Muralla, do centro histórico e do río Miño. Trátase de que a propia tarxeta se convirta nun produto promocional e que se acabe convertindo nun recordo da cidade.

A tarxeta servirá para acceder a museos e espectáculos ademais de ofrecer descontos en medio cento de establecementos que se sumaron á iniciativa.