Homenaxe a lancha xeiteira

O Museo do Mar de Galicia inaugura hoxe, sábado 4 de xuño, a exposición Mar ao xeito, promovida polas consellerías de Cultura e Turismo e do Mar, coa que se conmemoran os vinte anos da construción da “Nova Marina”, réplica da derradeira lancha xeiteira galega, que se exhibirá no embarcadoiro do museo, sito na cidade de Vigo. O acto, que terá lugar no peirao da institución museística ás 19,00 horas, estará presidido polo director do Museo, Pablo Carrera, e contará coa presenza dun nutrido grupo de representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, encabezado polo seu presidente, Víctor Fernández.

A mostra representa unha homenaxe a unha embarcación emblemática das rías galegas, a xeiteira, a través dun percorrido arredor da súa historia. O principal obxectivo é achegar ao público esta parte importante do patrimonio material e inmaterial do mar en Galicia, salientando a relevancia da súa recuperación e conservación.