Fin de semana de alfombras florais

Esta fin de semana son innumerables as vilas galegas que celebran o Corpus Christi pero se hai unha que destaca sobre todas é a pontevedresa de Ponteareas, coñecida mundialmente polas súas alfombras florais. Trátase, como sinalan dende o Concello, dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo dos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida o ano 2009 como "Festa de Interese Turístico Internacional".

Así, o domingo volverán ser catorce as alfombras que enchen as rúas e prazas de Ponteareas, nunha profusión de colorido, creatividade e beleza que atrae a milleiros de visitantes.

Unha opción completamente diferente é a que ofrece o concello de Cedeira, no norte da provincia da Coruña, que, como cada última fin de semana de xuño, celebra o Curro da Capelada, unha oportunidade única para achegarse a estas fermosas terras.

E de animais vai a cousa pois outra das citas festivas desta fin de semana é a Festa do Boi de Allariz que remata o domingo.

Se queren unha opción máis tranquila, poden achegarse ata a Carballeira de Nadela, en Lugo, que acolle o domingo a VII Feira de San Pedro. Poderán atopar produtos ecolóxicos, tradicionais e artesanais. Haberá autobuses gratuítos dende a cidade das Murallas.