A Xunta asesorará ós Grupos de Acción Costeira

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinaron un acordo de colaboración para asesorar aos promotores dos sete Grupos de Acción Costeira (GAC) sobre todas aquelas iniciativas vinculadas a acción turística. A Xunta dá así un maior impulso a estes grupos orientándoos sobre iniciativas que fomenten o turismo nas zonas costeiras, para que poidan realizar proxectos susceptibles de ser subvencionados. Este acordo pretende potenciar a actividade económica e produtiva nestas áreas, de xeito que se aproveiten os recursos da nosa costa.


O turismo é un dos campos de actuación dos GAC e un dos piares da economía galega polo que é imprescindible a coordinación de medios materiais, técnicos e orzamentarios entre os diferentes actores para rendibilizar os investimentos e determinar actuacións complementarias. Ao respecto, dende Mar incídese na importancia de seguir unha pauta xeral e homoxénea que manteña a imaxe de marca do turismo galego e á vez, facilitar o labor aos Grupos de Acción Costeira. Con este convenio preténdese, ademais, que os proxectos turísticos que se presenten ás axudas convocadas pola Consellería do Mar cumpran coa normativa de ordenación, planificación e promoción establecida polo órgano competente en materia de turismo.