Santiago(é)tapas chega á recta final

Este domingo remata a cuarta edición do Santiago(é)tapas, e a previsión é que peche cos mellores datos da súa historia. De feito, nos dez primeiros días consumíronse máis de 18.000 tapas nos sesenta establecementos participantes, o que achega a media de participación diaria máis alta das edicións celebradas ata o momento. En 2008 consumíronse 20.000 tapas en dezaseis días; en 2009 foran 27.000 en dezasete días e o ano pasado –cunha duración superior por coincidir co Xacobeo- consumíronse 35.000 tapas en vintecatro días.

Hostelería Compostela, impulsora da iniciativa, considera que está “consolidada” na cidade, tamén cunha alta participación por parte de turistas e visitantes. Nos dez primeiros días houbo catorce persoas que completaron o Tapasporte Express, pensado especificamente para as persoas que só están uns días na cidade.

De feito, outro dato que apunta á consolidación deste programa é o número de Tapasportes repartidos ata o 22 de maio, máis de 6.000.