O DOG fai pública a declaración dos castros de Neixón como BIC

O Diario Oficial de Galicia acaba de facer público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do pasado 19 de maio polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro. A declaración como BIC desta zona, que inclúe o Castro Grande, o Castro Pequeno de Neixón e a paraxe natural na que se localizan, fundaméntase nos seus excepcionais valores patrimoniais e na súa singular beleza paisaxística, reunindo no conxunto valores históricos singulares, medioambientais e culturais que fan de Neixón un conxunto sobranceiro e de características únicas.